O Concello de Allariz dará por comezada, esta fin de semana, a campaña de comercialización da carne de boi da localidade. A partir deste sábado os locais hostaleiros alaricanos adheridos ao programa ofrecerán carne de boi de Allariz nas súas cartas. Ademais ofrécese a venda directa no Mercado da Reserva que se celebra todos os sábados pola mañá na antiga Praza de Abastos de Allariz.
Dous exemplares de 450 kg cada un, cebados durante un ano en Allariz, veñen de ser sacrificados para que poida ser degustada a súa carne, recoñecida polas súas especiais características gastronómicas.
O proxecto de cría e comercialización de carne de boi de Allariz naceu no ano 2011 co obxectivo de recuperar a base territorial e facer explotacións produtivas, previr os incendios e apoiar á hostalería ofrecendo un produto de calidade. Este plan de dinamización permite, este ano, a comercialización de 12 exemplares criados en Allariz, que serán sacrificados progresivamente para ser degustados, a meirande parte, nas Xornadas de Degustación de Carne de Boi de Allariz, do 30 de setembro ao 16 de outubro.