A Universidade de Vigo, a través da Asociación Xadrez Ourensán Universitario, organiza, xunto coa Escola de Xadrez de Lalín, o ”III Torneo Activo Campus Ourense” dentro do “IX Circuíto Galicia Central 2016”. Trátase dunha competición que percorre Galicia nos meses de verán promovendo este deporte.
A Ourense chega este sábado 11 de xuño e disputarase no Campus de Ourense (no Edificio de Ferro).
O director do evento Lino Hermida, lembra que o xadrez “crea hábitos positivos como disciplina mental, razoamento, memoria, investigación, análise, síntese, creatividade…”
Participantes
Aínda que o torneo esta dirixido a todas as idades, unha das características máis salientables é a grande participación de cativos. Desde a organización agardan que se chegue aos 150 participantes, unha cifra destacada para un deporte como o xadrez, claramente en auxe.
O prazo de inscrición remata ás 22 horas do venres 10 de xuño e todos os datos do torneo pódense atopar na páxina web tabladeflandes.com.
Torneo Internacional
Tamén está aberto o prazo de inscrición para o III Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, que se disputa entre os días 4 e 10 de xullo. Nesta competición repártense 6.480 euros en premios e prevese a participación de mestres e grandes mestres de diversas nacionalidades. Todos aqueles que desexen máis información poden acudir á paxina web deportes.uvigo.es.