O Grupo Scout ILEX 959, de Ourense, desprazarase ata Santiago de Compostela e instalarase no Centro Scout Abeiro, onde desenvolverá o seu campamento de verán entre os días 24 e 29 de xuño.
Nesta actividade participarán rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos, tanto membros do grupo scout como outros que queiran coñecerlo e comezar o verán neste marabilloso campamento de seis días, xunto con monitores voluntario que lles acompañarán e guiarán nesta aventura tan especial.
As actividades buscarán o máximo contacto coa natureza e haberá rutas, actividades de orientación, xogos, gymkhanas, teatro, xogos de pistas, cancións, etc. Pero sobre todo haberá diversión, convivencia e traballo en equipo. Ademais, os e as participantes asumirán responsabilidades: ocuparanse (de acordo as súa idade e capacidades) de tarefas básicas do campamento, como facer comidas, fregar a louza, ocuparse da limpeza da instalación, pois o método educativo que empregan os scouts busca que os nenos e nenas sexan cada vez máis autónomos e responsables.
Calquera rapaz e rapaza de Ourense e a súa contorna, con idade entre os 8 e os 14 anos poderá inscribirse para participar neste campamento ata o 17 de xuño. Para elo terá que encher un formulario na súa páxina web www.scoutsourense.org. O campamento ten un custe de 75 euros para os non socios, que inclúe seguros, transporte, alimentación, aloxamento e actividades.
O Grupo Scout ILEX 959, de carácter laico, é de recente constitución e leva desenvolvendo a súa acción educativa dende comezos de outubro do ano pasado, con actividades semanais que desenvolve cada sábado pola mañá no Espazo Xove de Ourense e conta xa cunha vintena de rapazas e rapazas participantes.