O Concello de Ourense abre este 15 de xuño o prazo de inscrición en senllos campamentos gratuítos de verán: o de Campamento Urbano Amencer, que cumprirá 29 anos ininterrompidos enchendo a cidade de vida no mes de agosto, e o Campamento Xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, con 80 prazas distribuídas entre as Concellerías de Xuventude e de Asuntos Sociais, dirixidos a cativos de entre 9 e 14 anos. A concelleira Sofía Godoy, que presentou en rolda de prensa ambas iniciativas, destacou “as alternativas de lecer e de conciliación familiar a disposición de todos os ourensáns”, e animou as familias a anotarse, até o 1 de agosto no caso de Amencer, e até o 1 de xullo no de Porto do Son, a través da Concellería de Xuventude.
Xullo César Iglesias, representante do Campamento Amencer, destacou durante a presentación que se trata dunha actividade “aberta á cidade e que converte Ourense no mes de agosto nunha auténtica tenda de campaña”. Do 1 ao 11 de agosto, participarán cada día da orde de 400 a 500 rapaces pertencentes a 1.100 familias. Nove días de actividades, en definitiva, pola mañá, tarde e noite (esta última para os maiores de 15) en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas. O prazo de inscrición para o campamento de Amencer permanecerá aberto até o comezo das actividades.
Cidade vs. Praia
A outra das opcións presentadas esta mañá é a do Campamento Xuvenil Virxe de Loreto en Porto do Son. Haberá 90 prazas totais, repartidas en 50 para Asuntos Sociais e 30 para Xuventude, destinadas a menores de 9 a 14 anos de idade e que se desenvolverá a semana do 13 ao 20 de agosto “deseñada para gozar do tempo libre a través de actividades creativas e de natureza”, en palabras de Carolina Brea, da empresa Lúcete, encargada de xestionar o campamento.
Esta actividade, englobada na campaña de ocio e tempo libre das áreas que dirixe Sofía Godoy, “quere fomentar as habilidades sociais e as relacións entre iguais a través do xogo”, dixo Brea Castro. O prazo de preinscrición remata o 1 de xullo.