O Concello de Verín, a través da Concellería de Cultura, en colaboración coa Obra Social da Caixa, acollerá desde o vindeiro luns 20 ate o sábado 25 de xuño –en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas– a iniciativa «Planeta Móbil», planetario portátil que ofrecerá aos nenos e nenas, de maneira gratuíta, unha presentación didáctica e entretida sobre os planetas e as estrelas.
O Planetario Móbil da Caixa consiste nunha semiesfera inchable, cunha capacidade aproximada para 18-20 nenos, en cuxo interior se proxectan vídeos a cúpula completa, provocando unha sensación de inmersión total.
Con “Planeta móbil” os nenos e nenas aprenderán, dunha forma amena e didáctica sobre os misterios do firmamento. Planeta Móbil, mostrará aos asistentes o firmamento tal e como se ve nas diferentes Estacións do ano (Outono, Inverno, Primavera e Verán) sen contaminación lumínica e aprenderán tamén a orientarse no firmamento das diferentes estacións do ano localizando a Estrela Polar, a estrela que nos indica o Norte e que podemos ver durante todo o ano ao estar fixa no ceo. Ademais, o programa amosa como diferenciar as estrelas dos planetas e describe as principais constelacións e as lendas que esconden.