A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou 233.353 euros para axudas a concellos e asociacións da provincia de Ourense.
En concreto, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para o Concello de Maceda destinada á adaptación e mellora para unha infraestrutura ciclista. Para o Concello de Gudiña aprobou unha axuda de 16.396 euros para realizar actuacións no parque infantil da Cotarela; e outra de 6.000 euros para o Concello de Petín para o proxecto piloto de transporte a demanda.
Asemade na xuntanza aprobouse unha axuda de 100.000 euros para a Cámara de Comercio, Industria e Servicios de Ourense para o desenvolvemento do viveiro de empresas e servizos de proximidade para a pequena e mediana empresa da provincia de Ourense. Os outras dúas axudas aprobadas na reunión foron para a Asociación de Padres, Profesionales y Amigos de Personas con discapacidade intelectual “Special Olympics Galicia” por importe de 10.000 euros para a promoción das actividades para persoas con discapacidade na provincia de Ourense, correspondentes ao ano 2015; e para a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia, unha axuda de 6.000 euros para gastos de funcionamento da asociación correspondentes ao ano 2015.
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou a resolución de alegacións da proposta provisional de valoración dos proxectos presentados para a concesión de axudas para as Copas Deputación 2016 pola que se concede en total 84.957 euros repartido en 38 disciplinas deportivas.
En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou dous convenios de asistencia técnica aos municipios e demais entidades locais, un deles para o control e mantemento de depuradoras compactas, e outro para a xestión das instalacións de produción e distribución de augas de consumo humano. Tamén aprobou a modificación da cláusula cuarta do convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro, para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de abastecemento en Alta “Razamonde-San Trocado”, pola que cada concello dispoña de dous representantes na comisión de seguimento, que serán designados polos alcaldes.
E, por último, aprobou a lista de adhesións ao convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia para a prestación por parte do goberno provincial do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.