A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense confirmou a sentenza absolutoria que recaeu no xuízo pola legalización de edificacións na praza de San Antonio. Na resolución asúmense os fundamentos do fallo ditado polo Xulgado do Penal nº2 de Ourense, que absolveu á ex concelleira de Urbanismo Áurea Soto, e ao avogado Carlos Hernández, dos delitos de prevaricación urbanística dos que foran acusados.
A Sala desestima o recurso da Fiscalía e da acusación particular e conclúe que «non cabe falar dun delito de prevaricación urbanístico, ao non mediar polo exposto tal groseira desviación da normativa como se expuxo, nin a título de autoría en relación á concelleira de urbanismo, nin a título de cooperación en base a un informe que ao cabo viabilizaría o éxito do incidente de inexecución».
En xaneiro de 2015, a socialista Áurea Soto viuse obrigada a presentar a súa dimisión como concelleira de Urbanismo (para cumprir o código ético do seu partido) trala apertura de xuízo oral por este asunto, que partira dunha denuncia de Democracia Ourensana.
Soto sempre defendeu que as súas decisións como concelleira as tomara en defensa do interese público.