O Concello de Ourense abre o prazo para optar ás 60 prazas de conciliación familiar a través da 5ª edición do Espazo Coeduca que pon en marcha a Concellería de Igualdade no Centro de Información Municipal para a Muller (CIMM). Trátase dun programa socio educativo para conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns, que se vén realizando ininterrompidamente desde o 2011 e que se leva a cabo en períodos non lectivos: Semana Santa, Nadal e durante os meses de xullo e agosto, polas vacacións escolares.
O Espazo Coeduca traballa con nenas e nenos de 4 a 10 anos e as súas familias. O seu piar base é a educación das emocións para unha boa xestión delas desde una perspectiva de xénero. As formas de incidir na educación das emocións é a través de tres disciplinas diferentes, cada unha levada a cabo por unha profesional especializada: a danza e o movemento, a creación artística e o auto coñecemento e a cociña creativa.
O número de prazas coas que contaremos este verán serán un total de 60, distribuídas en dous grupos, 30 en xullo e 30 en agosto. O horario será de mañá, de 11 a 13 horas, cun grupo de 15 nenas e nenos os luns, os martes e os xoves, e outro grupo de 15 nenas e nenos, os martes, mércores e venres cada mes.
A inscrición pode realizarse nas dependencias da Concellería de Igualdade no CIMM (rúa do Ensino, 24).