Postura unánime dos tres partidos da oposición no Concello de Ourense con respecto a unha oposición que consideran feita “a medida” por parte do Partido Popular para colocar no posto de xefe de Recursos Humanos ao ex concelleiro popular de Persoal, Francisco Javier Rodríguez Nóvoa.
Rodríguez Nóvoa, quen actualmente é funcionario na Deputación, obtivo a máxima puntuación nun concurso no que “non se require formación específica en xestión de Recursos Humanos” e “non se valora experiencia específica”, explicaba a concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro. Ademais, a segunda fase do concurso era a presentación dunha memoria “na que non quedan moi claros os criterios de valoración da mesma”. De feito neste apartado a máxima nota foi para Rodríguez Nóvoa, un 4,5 sobre 6.
O voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, cre que esta oposición responde á estratexia de “recuperar a vella política de persoal de Manuel Cabezas, de contratación de amigos, familiares e militantes do PP”, fichando, neste caso, “á man dereita de Cabezas e un militante activo do PP”. Neste sentido, Barquero amosou a fotografía dun acto electoral dos populares da semana pasada na que participaba Rodríguez Nóvoa”
E o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, quen suscribiu as palabras dos outros dous voceiros da oposición, dixo que contratar a Rodríguez Nóvoa como xefe de Persoal é como “poner al zorro a cuidar a las gallinas”. Iso si, en recado aos seus compañeiros de rolda de prensa, salientou que se Jesús Vázquez non gobernase “esto no ocurriría”.
O proceso opositor xa foi resolto, coa máxima nota para Rodríguez Nóvoa, e agora está en fase de reclamacións, pois un dos participantes impugnou os resultados. No tribunal non había ningún representante sindical. A oposición anuncia que estudarán o caso –aínda non coñecen o expediente completo- e valorarán a posibilidade de recurrir á vía xudicial.
Resposta do alcalde
Non tardou en respostar o alcalde, que defendeu a “transparencia” e “legalidade” de todo o proceso. Jesús Vázquez apuntou que foi o PSOE quen modificou a ficha desta praza na RPT (Relación de Postos de Traballo) “e permitiu a apertura a calquera outra persoa” (doutras administracións). En todo caso Jesús Vázquez anima á oposición a levar este asunto ao xulgado, e no caso particular do voceiro socialista, a que fale claro con respecto ás acusacións de que é Cabezas quen goberna “na sombra” a cidade. “Se nalgún momento din de min o que están dicindo doutra persoa eu levaríao ao xulgado por inxurias”, apuntou o rexedor.