O Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro vén de denunciar o lamentable estado no que se atopan os contedores do lixo. Segundo reclaman, “os contedores levan sen limpar máis de 2 anos, o que conleva un estado de insalubridade insoportable”, aseguran. “A veciñanza do Concello ten que lidiar, día a día, ao tirar o lixo, cunha imaxe, olor e condicións que son intolerables”, engaden.
Segundo a denuncia do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, o Concello de Leiro destina uns 70.000 Euros ao ano ao servizo de recollida do lixo por parte da Mancomunidade do Ribeiro, servizo no que está incluido o mantemento e limpeza dos contedores. A pesares desa cantidade de recursos públicos, aportados por todos os veciños e veciñas mediante o pago dos seus impostos, “os contedores teñen un aspecto lamentable e insalubre, puidendo ocasionar poblemas de saúde pública”.
Así mesmo, destacan que o slcalde de Leiro é, á súa vez, presidente da mencionada Mancomunidade, “sen que este feito axude, no máis mínimo, a que poña unha especial dedicación aos servizos que debe dar ao Concello que preside”.
Así mesmo, reclaman que nestes días o rexedor se adique “a facer campaña e viaxes pola provincia enteira co obxecto de acadar, de novo, o posto de senador nas vindeiras eleccións e así perpetuar o seu bo status político e económico”, polo que lle lembran que “a súa prioridade debe ser Leiro e os seus veciñas e veciñas,que, relixiosamente, pagan os seus tributos municipais para manter servizos que lle son dados dun xeito nefasto”.