A sinatura esta tarde do convenio de integración ferroviaria entre o Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento foi tachada polos grupos da oposición de acto “electoralista”. O PSOE xa anunciou que presentará denuncia ante a xunta electoral provincial. Democracia Ourensana e Ourense en Común non o farán porque non concurren ás eleccións, dixeron.
Para o socialista José Ángel Vázquez Barquero, trátase dun “acto electoral ilexítimo” porque o alcalde vai asumir compromisos urbanísticos e económicos con Adif “para os que non está lexitimado”. O socialista apunta a que debe ser o pleno quen ratifique protocolo, algo que non sucedeu, e recorda que na última sesión plenaria a oposición en bloque votou en contra dun convenio marco con Adif e Fomento “da mesma natureza”.
Nesa mesma liña, Gonzalo Pérez Jácome, de DO, recordou que o acto se celebrará “en el mismo salón de plenos en la que la mayoría del pleno votó en contra” e por parte dun goberno en minoría (o do Concello de Ourense) e outro en funcións (o Goberno central). Con respecto ao convenio en si, Jácome tildouno de “low cost” e esixiu para Ourense o mesmo que reciben outras cidades galegas.
O voceiro de OUeC, Martiño Xosé Vázquez, insistiu que o convenio se presenta agora “única e exclusivamente para recadar votos” e cualificouno de “carta aberta” pois “non se define absolutamente ningunha das necesidades” da cidade.
Ademais, Vázquez cre que o acto desta tarde pon en evidencia “a nula capacidade de diálogo” do equipo de goberno, “ten que ser consciente de que goberna con 10 concelleiros e ten enfronte a 17 e está incumprindo sistematicamente acordos plenarios”, recordou.