A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras de execución de sendas na estrada OU-312, ao seu paso polo concello de Lobios, por un importe de máis de 48.000 euros.
O obxecto desta actuación é a execución de dous tramos de beirarrúa na estrada OU-312: o primeiro á entrada de Lobios, pola marxe dereita desde o punto no que finalizan as beirarrúas existentes (PK 0+970) ata as escaleiras de acceso ao lugar de “O Zapateiro” (0+910); e o segundo, á saída de Lobios, tamén pola marxe dereita da estrada, dende o PK 1+780 ata o 2+035, no que se atopa a Cruz Vermella, situada na marxe esquerda, que conta xa con beirarrúas.
As obras, que serán executadas pola empresa Explotaciones Gallegas, centraranse en primeiro lugar, en ambos tramos, na retirada de mobiliario urbano existente como sinais, vallas ou similares.
A continuación, construiranse muros de delimitación e levaranse a cabo accións de recheo, estendido e compactado de terras, así como actuacións centradas na mampostería.
No que se refire á pavimentación, no primeiro tramo construiranse 92 metros cadrados de senda peonil e no segundo tramo plantéxase a execución de 587 metros cadrados de senda, en ambos casos mediante o emprego de formigón.
Este proxecto tamén contempla traballos de instalación de drenaxes de pluviais e canalizacións de rego, xa que no segundo tramo retirarase unha canle entubada e poñerase no seu lugar un colector de saneamento.