O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e polo presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” as actividades da 25ª Festa de Exaltación do Pan de Cea, un evento que homenaxea un dos manxares máis antigos e de máis tradición de Galicia.
Datado no século XIII, este pan, amparado pola IXP “Pan de Cea”, expórtase a todo o mundo desde os 18 fornos que traballan diariamente para cocer durante seis horas cada fornada deste singular alimento. A produción supera as 700.000 pezas dun pan “que merece nas súas vodas de prata o recoñecemento de todos pola súa calidade e polo que representa na historia e na etnografía da provincia de Ourense”, afirmou Manuel Baltar no acto de presentación.
Deputación e Concello co organizan este ano a Festa de exaltación do Pan de Cea, que se celebra os días 2 e 3 de xullo e que conta nesta edición cunha homenaxe aos panadeiros xubilados.
O alcalde de Cea, José Luis Valladares, agredeceu a colaboración da Deputación de Ourense e de Manuel Baltar, “quen desde o minuto un apoiou a celebración do 25 aniversario, como a grande festa que é, e que serve non só para homenaxear ao noso pan senón tamén a todas as xentes que ao longo dos séculos fixeron deste alimento o mellor pan do mundo”.
Carlos Rodríguez salientou que este ano a festa “fai unha especial homenaxe ao panadeiros xubilados”, e dixo que o vindeiro domingo “agardamos que se poidan degustar unhas 2.700 pezas de pan”.
O sábado, 2 de xullo, o programa de actividades comeza coa tradicional “Ruta dos Fornos” pola vila de Cea, entre as 19.00 e as 22.00 horas, e contará coa animación do grupo “Vai de Baile”. Asemade, ás 17.30 horas, terá lugar na Praza Maior unha mostra de cociña en vivo a cargo da chef ourensá Emma Pinal, e a xornada rematará co concerto de Lichis (ex Cabra Mecánica), a partires das 23.00 horas.
O domingo, 3 de xullo, será a xornada grande da festa, na que haberá música de pasarrúas e o pregón, ás 13.00 horas, a cargo do exciclista galego Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006. A continuación terá lugar a homenaxe aos panadeiros xubilados, e posteriormente, a degustación de produtos típicos galegos e o tradicional xantar da festa, que comezará ás 14.30 horas. A xornada continuará logo con música e baile na festa e verbena, a cargo da orquestra Fin de Siglo.