A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu este luns en Verín ás actividades do programa «Cooperativismo en movemento» co que a Xunta está a achegar ás familias galegas as vantaxes e valores desta fórmula empresarial.
Esta iniciativa promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Consello Galego de Cooperativas enmárcase nun conxunto de actividades de promoción e difusión do cooperativismo que están a celebrarse ao longo de todo este mes e que culminarán este sábado coa celebración do Día do Cooperativismo. O obxectivo é poñer en valor, a través dun espectáculo músico-teatral, xogos e unha exposición, os beneficios sociais deste modelo de negocio que ten demostrado a súa resistencia fronte á crise económica.
Co espectáculo de teatro, no que participou a fundadora e cantante da compañía Mama Cabra, que conformou elenco xunto coa actriz Marta Ortiz e o músico Brais Gutierrez do grupo A tropa de trapo, reflectíronse os valores da responsabilidade, igualdade, transparencia e compromiso que identifican ao cooperativismo.
Esta iniciativa, estará o mércores en Xinzo de Limia.
Este programa de actividades rematará o sábado coa celebración anual do Día do Cooperativismo e a entrega dos premios ás cooperativas. Na xornada anterior, o 1 de xullo, celebrarase unha xornada de portas abertas nas cooperativas de Galicia.