A Consellería de Infraestruturas e Vivenda comezou as obras de mellora do firme nas travesías de Celanova. Primeiro executaranse as actuacións na estrada OU-540, entre os PK 24+180 e 25+110, e unha vez rematados estes traballos, a Xunta continuará coas actuacións de rehabilitación do firme na estrada OU-531, entre os PK 26+164 a 26+620.
Estas actuacións forman parte dun paquete de obras de reforzos de firme en treitos localizados de varias estradas autonómicas na provincia de Ourense, que se adxudicou á empresa OPAIN por un importe de preto de 600.000 euros, establecendo un prazo de execución de catro meses.
Neste contrato, ademais dos traballos que se inician, contémplanse outras estradas que serán obxecto de melloras da capa de rodadura a medida que vaian rematando as xa comezadas. Trátase da OU-304, entre o PK. 4+080 e 14+450, nos concellos de Xinzo e Porqueira; e a OU-301, entre o PK 7+135 e o 11+300, en Xinzo, Os Blancos e Baltar.
Os traballos a desenvolver nestas vías consisten no fresado e extensión de novas capas de rodadura para optimizar o seu estado.