O grupo ourensán Los Suaves ofrecerán un concerto de despedida en Expourense, o 17 de decembro, baixo o nome “El juicio final”. A presentación da actuación musical tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; os integrantes do grupo musical (Yosi, Charli, Alberto, Fernando e Tino); o manager do grupo, Pablo Rodríguez; e o produtor do concerto, Enrique Granda.
Manuel Baltar lembrou que o grupo foi distinguido coa medalla de ouro da provincia de Ourense, “absolutamente merecida a estes fillos de Ourense que proxectan coa súa obra a imaxe dese Ourense rebelde”.
O presidente do goberno provincial agradeceu ao grupo que aceptarán a proposta da Deputación de Ourense de realizar esta última actuación en Ourense que fará que “o 17 de decembro sexa esa noite que nunca se acaba, e marcará un antes e un despois na historia de Ourense, con este concerto de despedida destes ourensáns que fixeron tanto pola música e pola proxección da imaxe de Ourense”.
Yosi agradeceu sobre todo “á xente de Ourense que nos apoiou sempre; sen eles non teríamos acadado estes 36 anos de carreira musical”. En canto ao libro sobre a historia do grupo ourensán, asegurou que se realizará coa Deputación, tras a proposta que lles fixera no pasado mes de outubro o presidente do goberno provincial.
O grupo ourensán iniciou a comezos de 2015 a súa xira de despedida que se prolongará ata finais deste ano. Para acudir a esta última actuación poden mercarse as entradas “a partir das 10.00 horas do vindeiro martes, 5 de xullo, na páxina www.lossuavesweb.com”, dixo Fernando.