A comisión que investiga as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro municipal, solicitada por Ourense en Común no pleno de febreiro, mantiña este mércores a súa cuarta xuntanza, que incluía na orde do día a comparecencia do xestor do servizo.
Con ausencia do PSOE, representantes de Ourense en Común e DO, e a concelleira do PP, Ana Fernández Morenza, tiñan previsto reunirse co xestor para avanzar no esclarecemento do desaxuste entre as taxas abonadas polo Concello e pola empresa adxudicataria: Matadero de Ourense S.L.
Antes de comezar a xuntanza, Ourense en Común tivo a condescendencia de permitir a presenza na comisión do administrador da empresa, que se personou acompañado do seu avogado, sen seren convocados á reunión.
Segundo relatan desde OUeC, o xestor da empresa «tiña hoxe a responsabilidade de esclarecer as diferencias atopadas entre os sacrificios que figuran no Libro de Rexistro Sanitario e o listado que o propio Matadoiro remite semanalmente ao Concello». «Mais, lonxe de ser explicados estes desfases, o protagonismo tomouno o administrador de Matadero de Ourense S.L., que pediu a palabra en ton belixerante, para emitir acusacións persoais, faltando ao respecto á propia comisión e ao edil de Ourense en Común presente», apunta o comunicado da «marea» ourensá.
Deste xeito a comisión «derivou en asuntos persoais, que nada teñen que ver co cometido da investigación, iniciada para poñer luz en documentos pouco rigorosos e incomprensibles emitidos desde o Matadoiro, e facer un seguimento real da xestión administrativa desta concesión municipal».
Tras a frustrada xuntanza, a comisión continua sen avances no esclarecemento das diferencias entre os partes que se remiten ao Rexistro Sanitario e o inventariado que se envía ao Concello, e volverá reunirse o día 20 de xullo.
Esta comisión, constituída o pasado 28 de marzo, foi solicitada por Ourense en Común ao detectarse diferencias desfavorables para o Concello no reconto de cabezas de gando realizados pola empresa, actualmente en prórroga de cinco anos despois de que o anterior Goberno municipal acordase manter a privatización do servizo no ano 2013; unha prórroga que se realizou con informes xurídicos que xa daquela cuestionaban a súa idoneidade.