O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano da Área de Ourense; un plan que comezará a funcionar inicialmente en 8 concellos –Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén, e que beneficiará a preto de 140.000 cidadáns desta comarca. Feijóo destacou que terán “un billete único que conectará o transporte urbano e interurbano”.
Logo de precisar que o novo plan suporá melloras no servizo, “xa que haberá transbordos gratuítos”, así como un aforro medio aos usuarios de 600 euros ao ano; Feijóo aseverou que, ao igual que nas áreas nas que xa está en marcha esta iniciativa (A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo e Lugo), a Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante.
Cómpre salientar ademais que a Administración autonómica contribúe coa bonificación dun 100% dos transbordos e cos descontos adicionais entre un 20% e un 50% aos usuarios habituais e ás familias numerosas.
O titular do Goberno galego insistiu en que con esta iniciativa os veciños da área de Ourense contarán cun transporte público con máis posibilidades e a prezos máis competitivos, o que suporá melloras na calidade de vida, especialmente para os que viven no rural, e un avance fundamental para perseverar no obxectivo de que Galicia teña unha mobilidade axeitada. Un obxectivo que se asenta sobre tres eixos de actuación: bonificación de peaxes titularidade da Xunta de Galicia, intermodalidade e transporte metropolitano.