O Concello de Ourense estuda rebaixar o IBI. Así o declarou o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno local deste xoves, na que se presentou un informe da área de Facenda sobre os traballos de planificación e estudos previos para esta rebaixa do Imposto de Bens e Inmobles. A iniciativa parte dunha promesa electoral, lembrou o rexedor: “No informe referido á presión fiscal, dicíamo que se podían reducir impostos e taxas, con bonificacións en función da capacidade económica, aplicando unha política fiscal máis flexible e adaptada ás rendas dos cidadáns”.
“Actualmente”, dixo, “estase a elaborar un estudio para determinar o tipo de bonificacións para persoas con rendas baixas ou en proporción da súa renda”. Por outro lado, “e baseado no informe elaborado polo xefe do Órgano de Xestión Tributaria no que se presupón un incremento nos ingresos debido á regularización catastral”, proseguía Vázquez Abad, “poderíase pois axustar o tipo xeral do imposto, a falta, iso si, de diversos informes económicos”.
Estas medidas son posibles grazas a que o Goberno central estableceu un tipo mínimo do 0,6 ata o ano 2015, se ben é certo que xa nas ordenanzas deste ano non tería por que manterse este tipo, podendo voltar á porcentaxe anterior se fose inferior a esta (chegou a ser do 0,54). “No caso da ordenanza municipal atopámonos cunha porcentaxe superior a este 0,6 -0,64 para ser exactos- que está actualmente vixente, polo que existe marxe para a baixada”, aseguraba o alcalde.