Unha modificación de créditos que cree unha partida orzamentaria para axudas á rehabilitación de edificios e instalación de ascensores é a solución que propuxo este venres, no pleno municipal, o concelleiro de Urbanismo Jesús Cudeiro, á problemática dos veciños da praza da Cantiga.
Os socialistas defendían unha moción para solicitar flexibilidade na normativa de subvencións para a instalacións de ascensores, logo de que a Xunta rexeitara abonar a axuda a un inmoble do barrio das Camelias . A causa, retrasos na tramitación debido á paralización da obra por causa dun procedemento xudicial que ao final deulle a razón á comunidade de propietarios.
Desde a oposición, os grupos reclamábanlle ao Goberno local “sensibilidade” e que mediase coa Xunta para que se pagase esta subvención. Un político está para solucionar problemas, insistían tanto o socialista Javier Rey como Pablo Prol, de Democracia Ourensana. O edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, replicáballes que el xa mediara co Instituto Galego de Vivenda e Solo e que, en todo caso, “yo no me voy a saltar la ley por mucho que me digan ustedes”.
De aí, a súa proposta de crear “una partida presupuestaria de 400 o 500.000 euros y podremos dar resolución a este expediente y muchos más”. Os socialistas acolleron positivamente esta solución pero non retiraron a moción, que quedou aprobada cos votos a favor dos tres grupos da oposición e a abstención do PP.
Aprobadas dúas ordenanzas
Nesta sesión quedaron aprobadas as ordenanzas de limpeza de terreos e de protección contra incendios forestais, e a que regulará a cesión das vivendas de emerxencia social das que dispón o Concello.
No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade a de Ourense en Común solicitando unha rebaixa do IBI para os próximos exercicios, introducindo novas bonificacións.
Tamén quedou aprobada, cos votos de DO, PSdeG e OUeC, a moción socialista para a dotación de persoal especializado na nova RPT para o Centro de Información á Muller. O PP, por boca de Flora Moure, xustificou o seu voto en contra nas “limitacións legales” á hora de contratar.
O mesmo resultado da votación que noutra moción dos socialistas, a que pedía a limpeza da pasarela de Outariz. PSOE, DO e OUeC coincidiron en sinalar que a pasarela se atopa nun estado “lamentable”, mentres que o popular Pepe Araújo reprochoulles aos propoñentes da moción que, en oito anos que estiveron gobernando o Concello, “non limparon ningunha das pintadas da pasarela”.
Ademais, saiu adiante a moción de DO -cos votos deste grupo, do PP e do PSOE- para que o sinal acústico para invidentes dos semáforos «se active solamente cuando sea necesario» e para cambiar o control de acceso mediante bolardos ao casco histórico «por obsoleto, ineficaz e ineficiente».
Rexeitada a petición de dimisión dos 10 edís do PP
A que non prosperou foi a petición de Democracia Ourensana de dimisión dos 10 membros do Goberno municipal, e que desde o PP viron como “unha moción de censura camuflada”. Gonzalo Jácome empezou a súa exposición afirmando que “nos gustaría salvar a algún concelleiro pero fue imposible” antes de comezar a avaliar –negativamente- a cada un dos edís populares. Pronto recibiu resposta do voceiro deste grupo, Pepe Araújo, que defendeu –un por un- o traballo dos seus compañeiros.
E mentres, unha emenda do PSdeG – que só apoiou Ourense en Común- propuña como alternativa á petición de dimisións a celebración dun pleno sobre o estado da cidade no mes de setembro. O socialista José Ángel Vázquez Barquero xa adiantou que plantexará á “marea” ourensá a solicitude conxunta dun pleno extraordinario para que teña lugar ese debate.
No pleno de xullo do Concello de Ourense tomou posesión da súa acta a nova concelleira de Democracia Ourensana María del Mar Fernández.