1.853 ourensáns abandonaron as filas do paro no mes de xuño, segundo os datos que o Ministerio de Emprego deu a coñecer este luns. É unha baixada do 7,41% con respecto ao mes anterior, o descenso máis elevado das catro provincias galegas. Son agora 23.156 os ourensáns rexistrados nos servizos públicos de emprego.
No conxunto de Galicia o paro reduciuse un 5,96% (en 13.144 persoas) mentres que en España a caída foi só dun 3,20% (124.349 parados menos), quedando a cifra total de parados en 3.767.054 persoas, o mesmo nivel que fai sete anos.
Con respecto ao ano anterior, en Ourense a baixada do paro foi do 9,40%, un total de 2.403 desempregados menos.
Valoracións
Desde a Confederación de Empresarios de Ourense, o seu presidente José Manuel Pérez Canal, considera que os datos de xuño “han sido muy buenos” na nosa provincia, unhas cifras que “están en línea con las registradas en Galicia, con 13.144 parados menos en el último mes, y con España, donde el desempleo bajó en 124.349 personas, convirtiéndose en el segundo mejor mes de junio de la historia”.
Desde CCOO Ourense, os datos do paro rexistrados no servizo de emprego público poñen de relevo que a mellora do emprego “mantén a constante da súa ligazón estacional”, agora cunha baixada de 1.853 persoas, das cales o 62% corresponden ao sector servizos. “Un sector con pouco valor engadido que non é suficiente para tirar da nosa economía”, apuntan desde o sindicato. Dos 7.042 contratos que se formalizaron na nosa provincia, suliñan desde CCOO, 6.501 son temporais e 5.153 corresponden ao sector servizos.