A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de executar na travesía de Valdepereira, no concello de Ribadavia, traballos de reparación de firme. Esta actuación forma parte dun paquete máis amplo de obras que inclúe o reforzo de firme en varias estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Leiro, Cea e O Carballiño e que foron adxudicadas por un orzamento de preto de 365.000 euros á empresa Acoval.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, comprobou o remate destes traballos realizados na travesía de Valdepereira que consistiron no fresado e reposición do firme deteriorado e a execución dunha nova capa de rodaxe ao longo de 300 metros. “O obxectivo é mellorar o firme desta travesía gañando en seguridade viaria”, explicou Díaz Mouteira, quen destacou o esforzo que está a realizar o Goberno galego para manter nun bo estado de conservación as estradas da súa titularidade.
O contrato de adxudicación destas obras fixa un prazo de execución de 6 meses dende o seu inicio e inclúe tamén actuacións nas estradas OU-209 e OU-188, ao seu paso por Leiro; na OU-187, na travesía de Cea; e, por último, na OU-172, no Carballiño.
Como complemento á reparación do firme deteriorado e segundo as necesidades, levaranse a cabo outro tipo de traballos de conservación ordinaria que permitirán mellorar as condicións actuais destas estradas que inclúen a mellora da drenaxe existente, o recrecido de tapas de pozos afectados polas obras e a execución de barreiras de seguridade.