A escalinata de Santa María Nai serviu de plataforma para que a bailarina Clara Ferrao presentase, simbolicamente, a sexta edición do festival de danza e artes do corpo Corpo(a)Terra. Do 7 ao 9 de xullo, algúns dos espazos máis senlleiros da cidade -coma a praza de Santa Eufemia, o Claustro de San Francsico, As Burgas ou a praza de San Martiño- acollerán dez espectáculos a cargo de artistas galegas e internacionais de primeiro nivel. Os espectáculos, totalmente gratuítos para o público, comezarán todos os días ás 21:00 horas na praza de Santa Eufemia.
Sen embargo, o festival xa está en marcha desde o pasado 29 de xuño, cando comezou o programa de Formación Enxebre 2016 na IES As Lagoas, clases ás que asisten preto de 40 bailaríns profesionais desde diferentes partes de España.
No tocante á programación, “trazará un percorrido diferente cada día polos espazos do casco antigo”, segundo apuntou Begoña Cuquejo, unha das tres directoras do Corpo(a)Terra. Así, no programa hai nomes coma os galegos Clara Ferrao e Fran Martínez, a compañía Los Innato, de Costa Rica, Matías Daporta e Angela Milano desde Amsterdam e Berlín, respectivamente, ou a portuguesa Fabiola Augusta.
Pero non só achega nomes o Corpo(a)Terra, tamén propostas tan atraentes coma a que desenvolverá o artista Juanma Lodo na praza de Santa Eufemia, facendo “o venres unha instalación sonora a modo picnic e o sábado, en gran formato, sonorizando alimentos e propondo unha sesión de Dj interactivo coa música que trae o propio público no teléfono móbil”, sinalou.
O Concello de Ourense achegará dez mil euros, ademais de diverso material -os equipos de son, o linóleo, os permisos e un vehículo de produción-, similar cantidade do que a Xunta de Galicia a través da Agadic. Porén, estas cantidades “garanten a non celebración do festival o ano vindeiro”, en palabras de Marta Alonso, outra das directoras do evento. De feito, o Corpo(a)terra tamén financiou esta edición con seis mil euros recadados a través dun crowfunding na rede.
Esta sexta edición pecharase o sábado 9, cunha proposta multidisciplinar -danza, circo, teatro, poesía, humor, música, comida…- na Alameda a partir das 21:30 horas.