O programa  "E no verán?.. Refréscate coa Cultura" comeza a finais de xuño e esténdese ata o 8 de setembro.

Barbadás presenta a programación cultural deste verán

 

A concelleira de Cultura de Barbadás e o coordinador cultural presentaron o programa  «E no verán?…Refréscate coa cultura»  que comezou a finais de xuño coa actuación das alumnas e alumnos da Escola de Música e rematará o 8 de setembro.

“Trátase dun programa moi ambicioso realizado con menos recursos que en anos anteriores grazas ao esforzos do  persoal e a que reorientamos moito traballo facéndoo con medios propios e non externalizando. Cabe destacar tamén o cambio de  concepción de programación cultural xa que fuximos de espectáculos faraónicos e  tivemos unha  programación  máis participativa que  contou ademais  co movemento cultural do Concello ao longo de todo o ano” indicou a nacionalista Ánxela González.

A programación que presentamos baixo a denominación “Refréscate coa Cultura” abrangue actividades para todo o verán de xeito permanente e constante. Cada xoves ás 21 horas, un parque ou unha praza acollerán unha programación aberta a todas as idades, gustos e sensibilidades xa que ao longo deste tempo haberá música, teatro, maxia, cinema, pallasos, circo ou contacontos .  “Mañá xoves, será o Sonoro Maxín e tamén contaremos con Peter Punk,  Blues do País, Isabel Risco ou Luis Iglesia e Xabier Deive, entre outros moitos. O remate será co grupo De Vacas”

“Apostamos pola Cultura feita en Galicia e en galego porque consideramos que como administración pública debemos comprometernos  con ese gran caudal de creatividade que temos no País e que se esforza por facer productos de enorme calidade que queremos que a xente de Barbadás coñeza e disfrute” indicou a nacionalista Ánxela González.

Esta programación complementaráse por vez  primeira con actividades culturais por todas as parroquias para que a xente de idade que non  poida trasladarse tamén  poida ocupar o seu ocio  así como con actividades de animación á lectura na piscina municipal que contará co servizo de Bibliopiscina  e contacontos e mesmo cun obradoiro de cinema.