Comunicado de Adegal, Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia.

Adegal ante a defensa e o impulso da comarca da Limia, aposta polo sector agrícola e gandeiro como piar fundamental nesta  bisbarra, tanto a nivel económico, como social e cultural, polo que aúna esforzos para a estruturación e a modernización dos regadíos, nos que todas as Administracións deben involucrarse cumprindo os compromisos adquiridos sen máis dilacións no tempo.

As Comunidades de regantes Corno do Monte, Alta Limia, Lamas-Ganade e San Salvador de Sabucedo, legalmente constituídas e coa concesión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, están á espera da execución das infraestruturas de rega.

Ademais, o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia está a trabar os regadíos pola obrigatoriedade do sometemento aoó estudio de impacto ambiental, segundo a última reunión mantida pola Comisión de Traballo para o seguimento dos Regadíos da Limia, que xunto coa falta de empuxe e inversión da Consellería do Medio Rural, están imposibilitando o desenvolvemento e modernización das superficies cultivables, sendo para a agricultura un dos piares básicos a dispoñibilidade de auga, completando adecuadamente o ciclo dos cultivos e sumando calidade.

Actualmente, a derivación de auga dos ríos é a única posibilidade para rego, con concesións vixentes das antigas comunidades de regantes, que son válidas ata que se dispoña das novas obras, e dado que as novas infraestructuras non están en funcionamento, non se dan por extinguidas as anteriores concesións. A pesar da intención por parte do colectivo agrícola de querer estruturar o sector, son as Administracións as que non cumpren co seu compromiso de levar a cabo o plan de modernización dos regadíos, chegándose á paradoxa de sancionar ós regantes con multas de elevados  importes, que ano tras ano van en aumento.

Para esta comarca eminentemente agraria, nun ano no que a perda de rendemento e mesmo a perda absoluta nun porcentaxe moi elevado nos cultivos de cereal de inverno, con previsión dunha  escasa colleita de pataca e de cereal de primavera, faise imposible para as explotacións cargar coas sancións impostas pola Confederación Hidrográfica, abocando a non sementar ante a inseguridade  creada e o temor a non poder facer frente ás multas, o que leva consigo o arrastre do sector agrícola á súa decadencia por parte da Administración, xerando importantes perdas económicas no motor da Limia que é o sector primario.

Adegal