As Bibliotecas Municipais de Ourense abren as súas portas no verán para ofertar actividades de animación a lectura de forma completamente gratuita. A concelleira de Educación, Belén Iglesias, resalta que “as bibliotecas , a diferencia dos CEIPs, estarán abertas durante os meses de xullo e de agosto en horario de 10:30 a 13 horas para adaptarse así ás distintas necesidades familiares, pero o máis importante é que só é nas bibliotecas onde de aceptan nenos e nenas a partir de 4 anos”, afirma. No resto dos programas a idade mínima é de 6 anos.
Un total de 240 nenos e nenas foron inscritos durante a primeira quincena de xuño neste programa, que quere ofrecerlle aos máis cativos unhas vacacións cun toque de diversión, e de aí o título da programación: “Viaxe de volta e reviravolta coa cabeza chola”, xa que persegue o obxectivo de elevar a imaxinación dos nenos e das nenas a través da lectura. “Os obxectivos principais que nos marcamos nesta programación é educar en valores e animar a ler a través do xogo, favorecer a criatividade, a participación e o traballo en equipo”, asegura a concelleira. Outro dos obxectivos do programa é o de facilitar a conciliación da vida laboral e a vida familiar durante os períodos vacacionais.
As actividades das bibliotecas levarán os nenos de viaxe por diferentes praias e tamén darán a coñecer os animais que podemos encontrar na nosa comunidade. Ademais de acudir a través da imaxinación e das lecturas ao circo, ás festas ou á praia, faranse moitas actividades e viaxes sen saír da cidade só co poder da imaxinación.
Entre outras actividades, a coordinadora do programa, Isabel Doval, cita “os obradoiros con material de refugallo, xogos cooperativos, de sicomotricidade, musicais, contacontos, lecturas en alto, teatro, monicreques, maquetas de contos e representación das historias tanto a nivel oral como escrito e tamén individualmente como en grupo”, afirma.