Ourense será, por segundo ano consecutivo, a sede do Campionato de Galicia de atletismo. Concretamente as pistas de atletismo Josefina Salgado do complexo deportivo de Monterrei -O Pereiro de Aguiar- acollerán o autonómico en categoría absoluta este sábado 16 de xullo.
Un século despois de que se celebrara a primeira edición Ourense volve a ser referente no atletismo rexional coa celebración da 83ª edición masculina e a 48ª feminina (por diversos motivos algún ano non se puido celebrar durante este século).
Atletas
Os mellores atletas galegos estarán presentes. En total son máis de 500 atletas os participantes (226 mulleres e 281 homes). En homes Mauro Triana (recordman galego de 100 e 200 metros) estará presente. Jean Marie Okutu, que estará presente en Río 2016 está anotado na proba de lonxitude, pero distintos compromisos internacionais poden facer que non acuda á cita galega. En canto á representación ourensán, son serios candidatos a medallas Rubén Diz e Iván Docampo, na proba de 5.000 metros e Alfonso Palomanes en triple salto.
No que respecta ás mulleres, Solange Pereira é a gran atracción. Pereira disputou os europeos de Amsterdam facendo unha gran carreira nos 1.500 metros. Para este evento está inscrita nos 800 e nos 1.500 metros; Solange está a un segundo de acadar a mínima para acudir a Río na proba de medio fondo. As ourensáns con máis opcións de subirse ao podio son Bea Viteri (pértega) e Emma Valencia (110 valados).
Exposición
Con motivo da celebración dos 100 anos de historia do campionato haberá, no entorno da pista de atletismo, unha exposición que leva por título “Un século de 13 Xogos e 25 Olímpicos” e no que se fai un repaso dos atletas olímpicos galegos ao longo de todas as edicións.
Medallas e premios
A novidade máis salientable desta edición será a medalla conmemorativa do centenario (edición especial) que se concederá aos campións de cada disciplina.
Por outra banda, seguindo coa iniciativa dos últimos concederase premios en metálico aos mellores. Estes premios económicos irá a cargo da partida de Sistema de Axudas a Atletas Galegos de Alto Nível 2016. As contías serán de 100 euros para cada un dos gañadores, así como de 300 euros para os mellores rexistros (táboa IAAF) dos sectores de velocidade e valados; medio fondo, fondo e marcha; saltos e por último lanzamentos.