A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense e o alcalde supervisaron as actuacións.

A Xunta rematará en agosto a explanada dos novos accesos ao CHUO

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o alcalde, Jesús Vázquez, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, visitaron este venres as obras de construción dos novos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cuxa explanada estará rematada a finais de agosto para comezar de xeito inmediato a conexión dos servizos necesarios para o funcionamento do hospital.

Vázquez Mourelle indicou que a Xunta tratará de acelerar as obras, para que os ourensáns poidan contar, o antes posible, con accesos adecuados e dispoñer do servizo ás instalacións hospitalarias que están a ser ampliadas.

Estas actuacións, que contratou e está a executar a Axencia Galega de Infraestruturas, por encomenda do Servizo Galego de Saúde, contan cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros.

O proxecto contempla o levantamento de muros de contención para salvar a diferenza de altura entre as rúas Nosa Señora da Saínza e Cruceiro Quebrado. Instalaranse tamén as redes de servizos (saneamento, abastecemento, alumeado…) e procederase á sinalización e á instalación de mobiliario urbano.

A conselleira concretou que se van construír dúas novas vías que darán acceso ao que será a zona ampliada do complexo hospitalario e que contarán con dous carrís, zona de aparcadoiro (32 novas prazas na zona) e beirarrúas.

Ponte do Milenio

A urbanización dos accesos ao CHUO é a segunda actuación que, desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda se pon en marcha nesta semana en Ourense, posto que  este luns daban comezo as obras de reparación da Ponte do Milenio, cun investimento de medio millón de euros.