Os fogos artificiais foron cancelados en previsión de altas temperaturas.

Tres días de festa na Ponte

Os integrantes da comisión das festas da Ponte, Sindo Alonso e Pablo Prol, acompañados da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, presentaron este mércores o programa dos festexos na honra de Santiago Apóstolo do barrio pontino.

En principio eran tres días de celebracións -23, 24 e 25 de xullo- que se estenderán finalmente a cinco, ao incluír na véspera –día 22- unha festa organizada por unha emisora de radio- e concluír o día 26 cunha xuntanza de confraternización veciñal.  Esta xuntanza é a alternativa proposta pola comisión de festas ante a decisión e suspender os fogos artificiais debido ás altas temperaturas previstas para a fin de semana. “O máis responsable é cancelalos para non correr ningún risco”, explicaba Pablo Prol.

As festas contan cun orzamento que ronda os 30.000 euros, dos cales 15.000 euros son achegados pola Concellería de Cultura e irán destinados a sufragar tres das seis orquestras do programa. O Concello de Ourense axuda ademais achegando unha charanga que anime ás rúas do barrio e con permisos e temas de seguridade.

As orquestras instalarán os seus escenarios na avenida de Santiago á altura do Instituto 12 de Outubro e na avenida de Marín á altura do número 35. As atraccións repartiranse, coma en anos anteriores, pola avenida das Caldas, Basilio Álvarez e San Rosendo.

Programa

En detalle, o venres 22 de xullo celébrase a Festa Radio Líder, coa final do concurso de karaoke, exhibicións de baile infantil, zumba e danza oriental, e actuación dun DJ.

O sábado 23 inaugúranse oficialmente as festas co pregón a cargo dos xornalistas pontinos Juan Maceiras de Cope e Ricardo Alonso de Radio Galega. Haberá verbena en sesión de tarde e noite coas orquestras Capitol e Podium, e actuación da Coral Alecrín ás 21:30 horas no palco das orquestras.

O domingo 24 de xullo terá lugar a partir das 21 horas a XXXI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, ao carón da ponte Romana. As orquestras que animarán a velada serán Royal Espectáculo e Arabia.

O luns 25, xornada festiva, comeza a mediodía con misa solemne e procesión na honra de Santiago Apóstolo, coa Real Banda de Gaitas da Deputación. Ao remate, haberá recepción ás autoridades no parque da Ponte. Pasarela e Noche de Gala son as dúas orquestras que tocarán esa tarde-noite.

E finalmente o martes 26, Día de Santa Ana, despedirase os festexos cunha xuntanza de confraternización no parque ao carón da Ponte, con previsiblemente “unha actuación musical, uns pinchos e actividades para os rapaces coma hinchables ou festa de escuma”, adiantaba Sindo Alonso.

No apartado deportivo, os días 23, 24 e 25 de xullo haberá maratón de fútbol sala na pista do colexio da Anexa. Repartirá 1.120 euros en premios.

Previsión para 2017

O presidente da comisión de festas, Sindo Alonso, agradeceu a colaboración de veciños, comerciantes e administracións por facer posible a continuidade desta tradicional celebración, “unhas festas de rúa que son un referente para moitas xeracións”, sinalou a edil de Cultura. Alonso tamén emprazou aos interesados a reunirse, conformar unha comisión de festas máis ampla e empezar en setembro “a buscar recursos económicos” para a edición do ano próximo.