A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro, asinaron un convenio de colaboración dotado con 25.000 euros para o impulso da LIII Festa do Polbo desta localidade, que se celebra o domingo 14 de agosto.
Nava Castro enxalzou que esta celebración, na que anualmente se preparan 40.000 quilos deste cefalópodo, é dende 2012 unha das 11 festas galegas declaradas como de interese turístico nacional, o que recoñece o seu arraigo, antigüidade, singularidade e valor cultural e a converte nun grande atractivo turístico para a Comunidade.
Neste sentido, a directora expresou o apoio do Goberno galego á promoción das festas de interese turístico, unha liña de traballo xa recollida no Plan Integral de Turismo de Galicia, dado que forman parte da cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano.
Nava Castro explicou que a Festa do Polbo do Carballiño é unha das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia, que resaltan a cociña galega e amosan ao turista os pratos máis representativos de cada recuncho da terra. Estas celebracións súmanse ás máis de 100 festas de interese turístico galego, ás 11 de interese turístico nacional e ás 9 de interese internacional.
A directora afirmou que se trata dunha ampla oferta para o visitante, tanto a nivel gastronómico como cultural, e que é motor da economía galega. De feito, lembrou que a gastronomía é a segunda motivación pola que os turistas escollen Galicia como destino, despois dos recursos naturais.
Nesta liña, a directora afirmou que con iniciativas deste tipo se contribúe á mellora dos datos do turismo no xeodestino de Ourense, onde nos primeiros cinco meses deste ano a cifra de viaxeiros aloxados foi superior a 108.000, experimentando un incremento do 17,1%, mentres que as pernoitas subiron un 22,4%, con preto de 200.000.