Este xoves 28, na Praza da Mercé de Verín, arrincará a última etapa da aposta do Concello e a Mancomunidade de Monterrei polo retorno do cinema á vila, logo de case tres lustros de que botase o cadeado o último cinema comercial. Neste caso, trátase de cinema ao aire libre, que rotará por todos os municipios da comarca, cos títulos «Del Revés» e «Jurassic World», nas prazas e localizacións que sinale cada concello.
Desde o inicio das sesións comerciais o pasado mes de marzo, máis de 5.000 espectadores pasaron polas butacas da Casa da Cultura de Verín, localización elixida polo Concello para o desenvolvemento das sesións. Concretamente, foron 180 sesións de cinema comercial de estreno, como en calquera cidade de España, cunha media de ocupación superior ao 60%, chegando nalgúns casos ao cheo total con estreas mundiais como O Renacido.
15.000 euros para equipacións
O pasado venres, o Concello de Verín recibiu a confirmación da concesión dunha subvención de 15.000 euros da Xunta destinada ao equipamento material dos espazos destinados ao cinema. Concretamente, o concello destinará esta cantidade a equipos de proxección e pantallas, para suplir a ausencia de elementos profesionais de calidade comercial no novo Auditorio e os equipos de son e de calidade 4k na casa da Cultura.