O Concello de Baños de Molgas aposta, na vindeira fin de semana, por ser destino obrigado, organizando dúas atraentes actividades, o venres día
29 de xullo o “V Festival Folk Son da Burga” e o sábado 30 a “IX Carreira Populardo San Salvador”.
O “Festival Folk Son da Burga” celébrase neste ano 2016 en dous espazos diferentes. Na sesión do serán terá lugar a actuación do grupo de cantareiras Xestreu ás 20:30h. no Parque Ansuíña e na sesión de noite as actuacións de Habelas Hainas e Coanhadeira a partir de medianoite na rúa do Agro. A consolidación deste evento é un obxectivo do Goberno municipal, por consideralo como un elemento de gran impacto na economía do municipio e potenciador da súa cultura, tradición e patrimonio.
A “Carreira Popular do San Salvador Concello de Baños de Molgas” chega este ano á súa novena edición con moitas novidades e agardando acadar os 300 inscritos na categoría absoluta.
É un circuíto urbano con saída ás 19:00 h do Parque Ansuíña e chegada ó mesmo lugar, e quen queira participar poderá inscribirse, dependendo da idade, nunha das 10 categorías da competición en www.championchipnorte.com ate o 28 de xullo.
Estas xornadas coinciden, ademais, co inicio das Festas patronais na honra de San Salvador, organizadas pola Asociación de veciños de Baños de Molgas, e que se prolongarán ate o día 7 de agosto, cun amplo abano de espectáculos e actividades. Se queren máis información sobre ambos eventos , poden visitar a páxina do concello www.concellodemolgas.es ou na páxina de Facebook.