O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a alcaldesa de Gomesende, Pura Rodríguez Álvarez, asinaron un convenio de cooperación no que se establecen as bases para o desenvolvemento das obras de reforma no centro de saúde deste concello, a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación.
O prazo estimado para a execución da obra, centrada na necesidade de efectuar unha reparación integral na cuberta, é de dous meses.
O Concello de Gomesende e o Sergas cofinanciaran ao 50% as obras a realizar, que teñen un investimento de 30.240 euros.
Tal e como se recolle no convenio, o concello levará a cabo a supervisión correspondente do proxecto técnico e a contratación, dirección e execución das obras. Pola súa banda, o Sergas coordinará co concello aquelas actuacións necesarias para a regulación da actividade sanitaria durante a execución das obras, a fin de manter e asegurar a continuidade asistencial.