A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos.
O responsable da área social continúa a manter encontros de traballos periódicos cos rexedores para establecer, desde o consenso e a coordinación, as liñas de actuación social que beneficien a todos os cidadáns de Galicia a través da optimización dos recursos locais e autonómicos. Unha das últimas reunións de José Manuel Rey Varela foi coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado.
Na xuntanza a rexedora presentoulle ao conselleiro o proxecto de construción da residencia de maiores no municipio ourensán que contará co apoio da Xunta de Galicia. Nesta liña ambos mandatarios sinalaron a importancia das políticas destinadas tanto a maiores como á infancia. Cómpre destacar que o Concello de Lobios ten solicitado á Xunta de Galicia o recurso das novas Casas-Niño, unha iniciativa orientada a atender as necesidades de conciliación das familias e favorecer a igualdade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia.
Na área de maiores, conselleiro e alcaldesa salientaron a importancia do incremento de 2.700 horas anuais -ata acadar as 10.140 horas ao ano- no Servizo de Axuda no Fogar para 2016 que fará que a cobertura deste servizo chegue practicamente á totalidade da poboación que o precisa (99,88%).