A denominada Marea Constituínte, que se celebra este sábado no Auditorio do Mar de Vigo, contando cos alcaldes de A Coruña, Compostela e Ferrol como facilitadores do proceso, comezará a dar forma a unha candidatura de confluencia para ateigar as urnas de ilusión e de cambio co fin de desaloxar ao PP e ás súas políticas austericidas do goberno da Xunta de Galicia.
Ourense en Común alégrase de que o encontro deste sábado represente unha aposta firme pola confluencia, baixo “principios de adscrición individual, seguindo un código ético e avalado xa pola participación de máis de 2.000 asinantes do chamado manifesto dos 3 alcaldes na defensa do país”.
Impulsar unha “iniciativa política que represente a vontade de mudanza nas próximas eleccións galegas” será o cometido deste acto no Mar de Vigo, no que calquera persoa pode tomar parte, sendo o único requirimento asinar o manifesto na web http://mareaconstituinte.gal/.
Ourense en Común fai un chamamento aberto para que a cidadanía de Ourense se achegue a participar do encontro a título individual, para colaborar “na construción desta alternativa chamada a transformar o país e quitar ao Partido Popular da Xunta”.
O encontro en Vigo sustentarase dende a diversidade e a pluralidade de todas as voces ao servizo da maioría social agredida polas políticas do PP, contando coa experiencia e o éxito xa obtidos, dende o 15-M e Nunca Máis até as candidaturas municipalistas de unidade popular, e aproveitando tamén a capacidade de traballo que centos de persoas están desenvolvendo ao longo do país, no político, no social e no institucional.
A Marea Constituínte traballará co obxectivo de acordar por consenso un calendario para a confección dunha candidatura e un programa co que se presentar ás eleccións autonómicas deste ano, co fin de gañar a Xunta e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto.