Os concellos da provincia de Ourense beneficiaranse este ano dunha achega total de 768.146,18 euros dentro do Plan de Emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais. Este plan prevé un investimento total, no conxunto de Galicia, de algo máis de 2,8 millóns de euros.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presidiu o acto de sinatura dos correspondentes convenios cos alcaldes dos concellos desta provincia que os solicitaron.
Os fondos aportados pola Xunta servirán para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes viais nos municipios da Gudiña, Cenlle, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Ourense, Piñor, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Vilamarín, Vilardevós e Xinzo.