O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, recibiron no Concello aos 15 alumnos que participan no curso de operacións básicas de cociña que organiza o Concello dentro do Plan de Inclusión Social. Trátase dunha acción formativa, con certificado de profesionalidade, de 250 horas de duración, na que se inclúen 80 de prácticas reais en empresas do sector. Son concretamente cinco os restaurantes que colaboran neste programa: A Feira, Monterrei, Peregrinus, Coto do Rano e Tapérías 2 yemas.
Estas empresas asinaron os convenios de colaboración co Concello que permite que os alumnos realicen as prácticas, achegando a súa experiencia e coñecementos ao alumnado, e que lles axudará na súa formación co obxectivo de acadar a inserción laboral. De feito, tres dos alumnos participantes xa atoparon un emprego e as perspectivas de atopalo tras a formación e as prácticas é dun 50%.
Este curso está dirixido a persoas inmigrantes, de minorías étnicas e outros colectivos en risco de exclusión social. Ao longo do presente ano e 2017 continuaranse a desenvolver outros cursos con certificado de profesionalidade e convenios dirixidos á inserción sociolaboral en empresas de diferentes sectores, nos que existen oportunidades de emprego.