O próximo xoves 11 de agosto a unidade móbil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia viaxará ata A Valenzá. Desde a primeira visita da unidade móbil en xuño de 1995, os 755 doadores censados en Barbadás realizaron 4.941 doazóns. Agora o Concello de Barbadás lanza unha campaña para superar a cifra de 5.000 doazóns. E para incentivar este xesto altruista, agasallará aos doantes cun xeado, que se poderá degustar en dúas xeaderías da Valenzá.
A campaña, na que colaboran o Centro de Transfusión de Galicia e as Concellerías de Sanidade e de Comercio de Barbadás, foi difundida a través de dípticos repartidos no comercio local animando á doazón nunha época do ano onde a solidariedade é máis necesaria. E é que os hospitais galegos precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes.
A unidade móbil estará situada na avenida de Celanova da Valenzá, á altura do número 72 (diante da farmacia). O seu horario será de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21 horas.
En 2015 a veciñanza de Barbadás realizou 446 doazóns de sangue, o que supón 43 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa de doazón que acada a cifra mínima recomendada pola Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano). Aínda así, esta cifra reflexa un descenso do 9% na participación respecto ao ano anterior.