O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, veñen de presentar o estudo de viabilidade para o desenvolvemento parcial do parque empresarial de Tamagos por parte de Concello de Verín. En apoio á esta proposta, acudiron tamén á presentación Ángeles González e Joaquín González, representantes da Agrupación de Transportistas de Verín; Rafael López, da Asociación de Empresarios de Verín e presidente de AEVER (Asociación de comerciantes de Verín), Santos Álvarez e o xerente deste colectivo, Xosé Anxo Rodicio. Francisco Pérez, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería da Comarca de Monterrei (AHECOM), pese a non poder asistir por problemas de axenda, tamén manifestou o seu apoio a este proxecto.
O grupo de goberno aproveitará a Feira do Viño para presentarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, devandita proposta que asegura a viabilidade técnica económica e xurídica de devandito proxecto.
Diego Lourenzo quixo destacar que “o Concello de Verín considera, como así o expuña nos programas electorais dos dous partidos que conforman o goberno, que a a execución deste parque empresarial é un elemento prioritario e estratéxico para o desenvolvemento económico municipal e mesmo da comarca, polo que estamos interesados en chegar a un acordo de colaboración coa Xunta de Galicia que nos permitira asumir o impulso da actuación iniciando a execución dunha primeira fase do parque”. Para elo, o Concello de Verín elaborou un estudo previo que posibilite concretar a proposta a realizar á administración autonómica, asegurando a viabilidade técnica, económica e xurídica da mesma.
“Tras comprobar que a nosa proposta é viable trataremos de pola en marcha. O que lle vamos a pedir a Xunta é un acordo para que nos ceda, dalgún xeito, a competencia para empezar a desenvolver o parque empresarial de Tamagos” explicou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.
Por último, o tenente de alcalde recalcou que aínda que nestes momentos Verín conta con solo industrial, é totalmente deficitario o que fai que as diferentes empresas non queiran instalarse nesta zona. “Efectivamente, por esta falta de terreo válido parte do tecido empresarial de Verín esta fuxindo cara o norte de Portugal o que fai que non podamos dilatar máis no tempo a habilitación desta zona industrial que é fundamental para a nosa economía local.”
Gerardo Seoane quixo recordar que o Proxecto Sectorial do Parque Empresarial de Tamagos, en Verín, foi aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia de abril de 2011 e transcorridos mais de cinco anos dende a aprobación, a administración autonómica aínda non ten iniciado as actuacións necesarias para poñer en marcha este parque empresarial, “cuxo desenvolvemento”, destacou o alcalde verinés, “non semella, no actual contexto económico, constituír unha prioridade para dita administración”.
Segundo Seoane, o obxectivo final desta proposta é poder establecer un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia no que o Concello asumiría o desenvolvemento dunha parte do Polígono Industrial para poder poñelo en funcionamento no menor tempo posible.
O rexedor municipal explicou que “estamos a falar dun investimento duns catro millóns de euros cando o parque empresarial estea terminado, pero temos que ter en conta que o prezo das parcelas ten un valor algo superior a esa cifra. Con isto queremos dicir que o parque pode sosterse por si só financeiramente, sen ningún apoio”. Para a posta en marcha inicial, “que é do que estamos a falar”, só se necesitaría unha achega inicial destinada á redacción de proxectos e ás expropiacións que roldaría o medio millón de euros e que o Concello de Verín está en condicións de asumir.
En principio, puntualizou Seoane, “parte do proxecto está orientado á área loxística, a xerar un lugar en condicións para a gran cantidade de camións e transportes que hai en Verín e que, probablemente, sexa o sector que máis factura do val e que debe ser tido en consideración.”