A segunda edición da carreira popular “Trevinca-A Veiga”, unha das probas do primeiro circuíto de carreiras populares de Valdeorras, celebrarase o vindeiro 21 de agosto, no Concello da Veiga. Na súa presentación participaron o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde daVeiga, Juan Anta; o delegado e o director técnico da Delegación Valdeorresa de Atletismo, Manuel Rodríguez e Agustín González, respectivamente.
A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva “que da a coñecer os nosos recursos e que se consolidará no tempo, tralo éxito acadado na primeira edición”, destacou Bernardino González.
“Este ano cambiamos o percorrido porque resultou demasiado duro o ano pasado, polo que realizamos dous circuítos, o da carreira consta de dúas voltas a un circuíto urbano de 4.260 metros por volta, algo máis de 8 quilómetros en total, mentres que a andaina conta cun percorrido duns 10 quilómetros, dos cales só un tramo coincide coa carreira. A saída de ambas probas será na Praza do Concello, sendo a da carreira ás 11.30 horas, e a da andaina, media hora antes”, explicou o director técnico da Delegación Valdeorresa de Atletismo.
Agustín González explicou que a primeira edición desta proba “foi todo un reto polas datas na que se celebra, en pleno mes de agosto, pero trala boa participación que tivo o ano pasado, esperamos que este ano logremos superar os 150 participantes, entre os dous eventos”.
As inscricións para participar nesta proba poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, na Oficina de Turismo de A Veiga, ou o mesmo día da proba, media hora antes da saída, cun prezo de 5 euros con bolsa de corredor ou de 3 euros sen a bolsa.
As inscricións dos cativos en categorías prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, serán gratuítas e as carreiras terán lugar a partir das 13.00 horas.
“Trátase de dar a coñecer a comarca con esta actividade, aberta para todo aquel que queira participar, e que se enmarca dentro do primeiro circuíto de carreiras populares de Valdeorras”, dixo Agustín González.
O alcalde daVeiga dixo que este ano “intentaremos superar o reto do ano pasado, e que se converta nun dos referentes das carreiras populares de Galicia, porque ten todos os elementos para que así sexa. Contamos cun entorno espectacular, coas condicións climatolóxicas idóneas e cunha magnífica gastronomía”. Asemade lembrou que o Concello de A Veiga “dará un bono de dous euros a todos os participantes co fin de poñer en valor o comercio local e a nosa gastronomía”, asegurou Juan Anta.