Pro-Animais Verín organiza a súa primeira Festa Solidaria

O sábado 27 de agosto, de 16:00 a 21:00 horas, a Asociación Pro-Animais Verín  organiza -coa colaboración do Concello de Verín- a súa primeira Festa Solidaria, na praia fluvial do Támega, coa finalidade de poder seguir acollendo e asistindo animais abandonados.

O evento, que será de carácter gratuíto, incluirá actuacións musicais, sorteos, inchables para os máis pequenos, e exhibicións deportivas e de adestramento canino.

Programa

Ás catro da tarde dará inicio a festa con animación a cargo dunha discomóbil; a partir das 5, alumnado do instituto Xesús Taboada Chivite representará o musical «»Hoy no me puedo levantar»; ás 17:30 h actuará en directo «Viky» e ás 17:45 h haberá unha exhibición de WuShu por parte de Xosé Manuel Ferreira.

ÁS 18 horas está previsto un desfile canino con animais que están dispoñibles para seren adoptados; ás 18:30 h realizarase un adestramento canino e ás 19.30 horas desfilarán cans que xa foran adoptados.

Unha actuación musical de David Rodríguez Rivada (19:30 h), outra de música, baile e canto de hip hop (20 h) e un DJ (Piky, ás 20:30 h) porán o broche musical á esta festa solidaria.