O festival alternativo “Arteficial” chega a súa décima edición, na que reunirá a 11 bandas o vindeiro sábado, 3 de setembro, no conxunto histórico de Ribadavia, en catro escenarios diferenciados, nos que ademais de música haberá espazo para a gastronomía, a recollida de alimentos e un mercado de sementes.
A Deputación de Ourense colabora con este festival, “un evento cultural referente no mes de agosto ourensán, e no que se fai unha simbiose perfecta entre cultura e patrimonio” asegurou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación.
O festival, que se desenvolverá desde as 12.00 horas e ao longo de todo o día, será gratuíto, e celebrarase en catro espazos do conxunto histórico da vila de Ribadavia, para poñer en valor o patrimonio do municipio. O escenario principal estará ubicado na praza Buján, haberá un escenario na rúa Progreso, outro dentro da Igrexa da Madalena, e por último, un escenario en fronte da antiga Igrexa da Madalena, explicou o director artístico de Arteficial.
En total, serán once as bandas encargadas de poñer música o vindeiro sábado, 3 de setembro, en Ribadavia, “con actuacións de música alternativa en todas as súas vertentes (pop, rock, electrónica…) para todos os públicos”, asegurou o director artístico do festival, Manuel Araujo.
Nesta edición, o festival colabora coa Cruz Vermella do Ribeiro, “cun posto de recollida de alimentos non perecedoiros, situado no recinto do festival”, dixo vogal da asociación “Arteficial” Alberto Chousal. Outra das novidades deste ano é o “DespoisParty”, iniciativa a través da cal, diferentes locais de Ribadavia, continuarán coa festa coas actuacións de Dj´s de música alternativa. Para os máis cativos, desenvolveranse actividades e xogos, desde as 16.00 horas para os nenos de 2 a 5 anos, e a partir das 17.30 horas, para os nenos de máis de seis anos.
Durante a celebración tamén haberá un espazo dedicado á gastronomía e un mercado de roupa e artesanía.
No relativo ao transporte, “haberá autobuses para vir ao festival desde as cidades de Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, por seis, dez e doce euros, respectivamente”, afirmou Alberto Chousal.