Vén de presentarse a programación infantil do Auditorio Municipal de Ourense para o que resta de ano. Entre setembro e decembro, o recinto acollerá un mínimo de 24 espectáculos (haberá que sumar no Nadal a programación da MOTI), dos cales catro serán específicos para bebés.
Os máis cativos da casa terán un espectáculo axeitado para eles os primeiros venres de cada mes, ás 18 horas, na Sala Apego do Auditorio. A primeira cita é o 2 de setembro con música para bebés a cargo de As Maimiñas, que presentan “Unha viaxe polo mundo”.
Asemade continúan as citas dominicais a mediodía para o público infantil e familiar. Este domingo 4 de setembro a proposta é a música da banda Troula Animación, co espectáculo “Uxía Lambona e a banda molona”.
Nestes catro meses, haberá grupos de fóra, outros premiados, teatro de títeres, con música e tamén danza, especificaba o técnico municipal Manuel Freire, quen resaltaba que a programación do Auditorio é referente en Galicia.
“Se queremos ter unha cidade sensible coas artes debemos apostar nas primeiras idades”, xustificaba a concelleira de Educación, Belén Iglesias, esta aposta polo ocio cultural dos máis cativos por parte do Concello de Ourense. De feito, a edil recoñecía que a programación infantil é unha das que ten maior resposta por parte do público ourensán, algo ao que axuda o bono á carta, que permite obter un desconto do 20% do prezo mercando cinco entradas.
A programación para adultos do recinto cultural municipal presentarase en vindeiras datas e, por primeira vez, introducirase o bono á carta para obter descontos na compra de entradas e así fidelizar público.