A secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, visitou esta mañá aos participantes no obradoiro Alta Limia IV, que terá unha duración de seis meses e no que se formará a 20 persoas desempregadas dos municipios de Sarreaus, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Barrio.
Silvia Dorado, acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz Doniz, asistiu ao inicio do desenvolvemento deste programa mixto de formación e emprego nas especialidades de xardinería e albanelería. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes que promoven esta iniciativa.
A secretaria territorial da Xunta en Ourense destacou que esta cuarta edición de Alta Limia ten “un obxectivo claro: dar formación a persoas desempregadas para que logren reinsertarse laboralmente”. Tamén salientou a “colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para que os obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”. Da formación dos 20 participantes encargaranse un equipo de docentes e administrativos formado por cinco persoas.
Durante os seis meses de duración do obradoiro, logo da súa etapa inicial de formación, os alumnos porán en práctica os coñecementos adquiridos.
Ao longo deste mes de setembro poranse en marcha 20 obradoiros de emprego na provincia de Ourense que beneficiarán a preto de 400 persoas en situación de desemprego dun total de 75 concellos.