De cara á vindeira tempada de vendima, que se iniciará dentro de poucos días, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras verificará e garantirá a orixe do produto amparado (unha das súas principais función estatutarias) coa colaboración e asesoramentos de técnicos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense (C.O.E.T.A.), que hoxe comezaron a perfilar os traballos de realización de informes previos á vendima.
Deste xeito, a D.O. que preside Francisco García convértese en pioneira á hora de contar con técnicos procedentes deste colexio, para impulsar tarefas de control e ordenación da viticultura previas á vendima e, paralelamente, contribuír a evitar que poidan etiquetarse baixo o selo de Valdeorras variedades de uva non autorizadas na comarca.
O traballo que realizarán os técnicos do C.O.E.T.A., que este 31 de agosto comezaron a operar, enmárcase no convenio de colaboración que os máximos responsables de ambos os organismos (D.O. e Colexio) asinaron o pasado 16 de agosto nas instalacións do Consello Regulador, que se estenderá por un periodo de tres anos.