O Festival de Teatro Galego, FETEGA, chega este ano a súa XXVII edición, sendo o festival máis antigo da comunidade e convertido nun referente da cultura e do teatro galego. A presente edición, na que colabora a Deputación de Ourense e que se celebrará entre os días 6 ao 9 de setembro no Carballiño, presentouse no Pazo Provincial, coa presenza do vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández; do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do director de AGADIC, Jacobo Sutil; da directora do FETEGA, Josi Lage, e de actores das compañías que actuarán no festival.
O programa conta con espectáculos pensados para todos os públicos. Durante catro xornadas O Carballiño volverá converterse na capital do teatro galego, sendo o FETEGA o único festival que se centra exclusivamente nas artes escénicas producidas en Galicia. As representacións realizaranse no anfiteatro exterior do Carballiño e no Auditorio Municipal, sendo as do anfiteatro (ás 20:00 horas) as seguintes: “Encontros”, de Pistacatro Productora de Soños, que abrirá a xornada o martes día 6; “Girisho: The king of the circus», da compañía Desastronauts, que fará as delicias do público o mércores día 7; “Trasno”, de Pistacatro Productora de Soños, o xoves día 7, e por último, pecha as actuacións “UP2DOWN”, da compañía Traspediante.
No Auditorio Municipal as representacións serán as 22:30 horas e nesta ocasión o festival aposta polas seguintes obras: O martes 6, unha obra con 7 nominacións aos premios “María Casares”: “Ensaio sobre a cegueira”, da compañía Sarabela Teatro. Continúa o mércores 7, alzando a voz contra a violencia de xénero, coa obra “Unhas poucas picadelas”, da compañía Teatro de Ningures. O xoves 8 chega ao Auditorio a recoñecida compañía Teatro do Morcego, que representará a obra “Nosa señora das nubes”. E por último, pecha o FETEGA, o venres 9 “Monólogo do imbécil”, da compañía Eme2, seguida da gala de entrega de premios, que nesta ocasión, conta para presentala coa actriz Isabel Blanco.
O programa do FETEGA complétase con actividades paralelas, que abranguen obradoiros, teatro na rúa e conferencias.