O Concello de Ourense vén de presentar en rolda de prensa a segunda edición do seu Entroido de Verán, que terá lugar o sábado 17 de setembro polas rúas do casco vello da cidade en colaboración coa Asociación Praza do Correxidor. “Para a Concellería de Cultura”, dixo a súa titular, Belén Iglesias, “é fundamental consolidar estas actividades para darlle vida á cidade máis alá da programación cultural propia que desenvolvemos desde o Auditorio”. Así mesmo, animou a ourensáns “e público que poida vir de fóra de Ourense” a disfrazarse e participar da festa.
O Entroido contará cun desfile que sairá ás 21:30 horas da Praza Maior, percorrendo a rúa Lamas Carvajal, praza de Santa Eufemia, rúa da Paz, praza do Ferro, rúa dos Fornos, para rematar na praza do Correxidor. A entrega de premios será á 1:00 horas nesta última praza. Na elección dos gañadores, que serán valorados por un xurado formado por cinco membros, terase en conta a orixinalidade, a chispa diante do público, o vestiario, a maquillaxe, a caracterización e a creatividade. Para este concurso establécense premios individuais, por parellas, de grupos e un especial á mellor foto colgada no facebook “Entroido de verán en Ourense”.
Paco Gallego, da Asociación Praza do Correxidor, animou a todos os establecementos da cidade, “estean ou non na praza do Correxidor”, a sumarse á festa e “xerar ao redor dela riqueza para a cidade de Ourense”, dixo.