Un concerto de boleros abre o programa bimensual do Auditorio

O Auditorio Municipal de Ourense vén de presentar, en rolda de prensa, o programa xeral para os meses de setembro e outubro, e que se inicia este venres 9  co espectáculo “Alma, corazón e vida”. O concerto é unha escolla de recoñecidas cancións de amor e desamor adaptadas á fantástica voz do barítono Borja Quiza, chamado a ser referente absoluto da o circuíto clásico. Rodeado dun elenco de dez músicos, o galego repasará durante dúas horas temas como Bésame mucho, Perfidia ou Piensa en mí. A cita é na Sala Principal a partir das 21:00 horas.

Porén, o programa ten moitas máis propostas. “Tratamos, coma sempre, de combinar fórmulas de espectáculos de éxito xunto co apoio á consolidación doutro tipo de estilos, explicaba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Desta forma, xunto a recoñecidos nomes como Martirio, Goyo Jiménez ou Sarabela, coa estrea da obra «Normas para saber vivir na sociedade actual», o programa inclúe tamén a IX edición do FITO, o NÚ de Nelson Quinteiro, un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia con músicas de cine ou os Contos na Lareira de Quico Cadaval e Cándido Pazó.

Música, baile, cine, teatro, humor, espectáculos infantís… unha programación pensada para todos os públicos e que inclúe recomendacións específicas por parte do Auditorio para a captación de novos públicos.

Setembro, outubro, e avance do que virá

Como novidade, o Auditorio irá presentando a súa programación cada dous meses debido á cantidade de espectáculos cos que se trata desde a oficina de programación do Auditorio. Así, explicaba o técnico Manuel Freire, “a información máis fiable é a curto prazo, porque pode haber cambios”. Sen embargo, o programa inclúe os avances de programación para os vindeiros meses, entre os que aparecen nomes coma o de Los Secretos, o novo espectáculo de Nueria Sotelo ou «Edip», a cargo da Companhia do Chapitô.