O típico partido de pretempada é o que se viu no pavillón municipal de Celanova -no antigo por que no novo non está adecuado para que os afeccionados poidan ver con comodidade calquera evento deportivo que alí se practique- este luns entre o COB e o Marín. Loita, intensidade, erros, cansanzo,… e é que os dous equipos están en plena preparación de cara a esixente tempada que lles vén enriba.
Finalmente o COB foi o que se levou o partido e xa suma dous partidos con vitoria noutros tantos da Copa Galicia. A pretempada do equipo ourensán é adestrar e xogar partidos da Copa Deputación.
No primeiro cuarto (o máis malo para os pupilos de Gonzalo García de Vitoria, a bronca que lles botou nun tempo morto reflexaba a impotencia) lograron agarrarse como puideron ao seu rival; ao final dos 10 primeiros minutos perdía por só 3 puntos (14-17). Jason Cain campaba polo parquet celanovés como quería sendo o máximo anotador con 8 puntos.
O segundo cuarto cun parcial de 25-16 fixo que os ourensán marcharan ao descanso con vantaxe no marcador (39-33). Nestes segundos 10 minutos o COB tivo que anular un parcial de 0-10 que se endosou o seu rival co estadounidense Tim Derksen como faro (13 puntos ao descanso) e ben secundado por Jason Cain (11 puntos). Ante a ineficacia na dirección do equipo (Christian parecía ausente e Martín, por momentos, era o máis clarividente dos dous) Flis e Mitrovic se puxeron o mono de traballo e con 12 e 10 puntos, respectivamente, lograban que o COB dominara no electrónico.
Tralo paso por vestiarios chegou o momento de cansanzo. A dura batalla unida a unha arbitraxe un tanto difícil de comprender -demasiadas faltas pitadas- fixo que os guarismos, deste cuato foran os máis pobres do encontro (16-14). A pesar dos oito puntos de diferenza, Cain e Derksen mantiñan vivas as esperanzas dos visitantes.
E nesta chegou o último, e loco, cuarto. O COB parecía que tiña o encontro no peto, pero os de Javier Llorente non baixaron os brazos e grazas a arreóns en forma de triplas de Mújica e os puntos na zona de Cain, estiveron en partido ata case o final. Flis e Guerra impediron a derrota nos instantes finais.
Copa Galicia
O COB xa leva dúas vitorias noutros tantos encontros nesta edición da Copa Galicia. Cunha vitoria máis os ourensáns estarían nas semifinais. Porén fáltalles por xogar contra os dous rivais máis fortes sobre o papel. Este xoves desprázanse ata Cerceda para xogar ante o Leyma Coruña (venceu a Marín 65-74); o martes 20 no Paco Paz (20:30h) pecha a fase de grupos ante Breogán de Lugo. En caso de xogar a semifinal, ésta tería lugar o 24 de setembro no Municipal de Noia. De pasar á final esperaría Obradoiro o domingo 25.