Ante a vaga de lumes que están a asolar a Comarca de Monterrei, a da Limia e, en xeral, a provincia, a Comisión Executiva da CIG de Verín e A Limia acordou convocar unha manifestación cidadá o próximo venres 16 de setembro en Verín ás 20.30 horas, con saída dende a Praza do Concello, co obxecto de reclamar ao goberno da Xunta a implementación de políticas de prevención forestal e de ordenación territorial, dirixidas a tentar evitar o desastre ecolóxico, económico e social que están padecendo estas comarcas
“Non é de recibo que, ano tras ano esteamos condeados irremisíbelmente a sufrir a incineración do noso medio natural e o goberno da Xunta sega a recuncar en políticas forestais que non só constitúen un absoluto fracaso, senón que, por riba, sementan sospeitas relativas a intereses económicos”, denuncian.
Así mesmo, a CIG denuncia a privatización dos servizos de extinción, helitransportados e mesmo de terra, a situación de precaridade na que teñen que traballar os operarios de empresas como a SEAGA ou TRAGSA e os do SPDCIF, a desidia do goberno de Feijoo en materia de ordenación do monte e da súa rendibilidade e, sobre todo, a ausencia dunha política de prevención durante o inverno.
“Co que paga a Xunta por cada helicóptero (6000 euros/hora), poderían ser contratados, nesa mesma hora, 600 trabalhadores que fixeran labores de limpeza e prevención forestal durante o inverno para que, ao chegar o verán, os incendios non se descontrolasen”, propoñen.